Sunday 05 de May de 2024

Os artistas de Viñetas desde o Atlántico visitan a Torre de Hércules


O faro, símbolo do festival do cómic coruñés desde os seus inicios, acolle unha exposición dos carteis de todas as edicións

Os debuxantes puideron coñecer nunha visita guiada o interior do monumento

O clásico do verán coruñés ‘Viñetas desde o Atlántico’ celebra este 2022 a súa 25ª edición. Como cada ano, desde a súa inauguración en 1998, a Torre de Hércules é a protagonista do cartel do festival, que se encarga en cada edición a un artista.

Por este motivo, este xoves 11 de agosto, un grupo de debuxantes que participa en ‘Viñetas’ puido achegarse ao monumento para coñecer por dentro a súa historia e como se construíu o faro máis antigo do mundo aínda en funcionamento. A visita rematou no balcón, desde onde os artistas puideron gozar da noite coruñesa. O grupo, dunhas 25 persoas, encabezado por Miguel Anxo Prado, director do evento, foi agasallado ademais cunha bolsa de tea cun debuxo da Torre personalizable.

Os artistas foron recibidos ao pé do monumento e ofrecéuselles unha breve visita guiada polo faro, na que se destacaron elementos esenciais como a súa fachada, ou a chamada ‘sala Giannini’ e a remodelación realizada por este enxeñeiro militar que restaurou a edificación no século XVIII.
Exposición na Torre de Hércules ata o 4 de setembro

Como parte desta edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’, a Torre de Hércules acolle no interior dos seus muros unha das exhibicións do festival. Entre os seus 234 chanzos pódense observar todos os carteis das edicións celebradas da festa do cómic, comezando pola que festexa este 25 aniversario.
A mostra poderá visitarse ata o 4 de setembro, en horario de 10:00 a 21:00 horas. O custo da entrada é a tarifa habitual das visitas ao faro, de tres euros a xeral e 1,50 euros a reducida.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.